domingo, noviembre 25, 2007

Cena de fin de temporada este venres

Anunciamos-vos que o próximo venres día 30 de novembro teremos a cena de final de temporada da Asociación, será en Casa Campaña a partires das 22:00 horas, todos aqueles que desexen asistir deberán poñerse en contacto con algún dos membros da directiva, ou ben utilizando o correo electrónico do clube.
O día seguinte, sábado día 1, faremos a Asamblea Xeral Ordinaria no local veciñal de Virxe das Mareas, ás 19 horas. Á que esperamos a máxima asistencia, xa que no orde do día hai un par de puntos de moita trascendencia.
Os socios recibiredes no voso mail e no voso enderezo puntual información do menú da cena e da orde do día.
Os que queirades confirmar asistencia para a cena facedeo canto antes

jueves, noviembre 08, 2007

A TVG emitirá este sábado o documental "MAR DE VELAS"



A Televisión de Galicia emitirá este sábado 10 de novembro, as 16 horas, o documental "MAR DE VELAS", sobre o Patrimonio Maritimo e Fluvial. Rodado durante a celebración do VIII Encontro e noutras vilas, dentro do seu espazo 'Galicia documental'. O filme está dirixido por Pemón Bouzas.


Hoxe foi presentado ós medios.

miércoles, noviembre 07, 2007

Dorna Meca na Mostra do Patrimonio Inmaterial en Pontevedra

Do 7 ao 11 de novembro vai ter lugar a Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués na praza da Ferrería. Coa intención de visibilizar este patrimonio e concienciar a sociedade da necesidade de salvagardalo, o Proxecto RONSEL, organiza esta Mostra na cidade de Pontevedra.O programa é moi amplo, variado e con presencia de exposicións, obradoiros de oficios tradicionais, conferencias, música tradicional e unha notable oferta audiovisual, polo que recomendamos unha lectura demorada.
Amigos da Dorna Meca estará presente mediante unha conferencia do presidente, o xoves ás 6 da tarde, e aportando unha dorna que está exposta na entrada do recinto.

Paga a pena visitar a mostra.

martes, noviembre 06, 2007

Sorteo Cultura Mariñeira da Amizade Luso-Galega

1. Obxectivo

A divulgación da Cultura Marítima e do patrimonio material e inmaterial marítimo que nos teñen legado as comunidades mariñeiras así como o mar como medio natural, é a motivación que nos move, como administradores de blogues de temática marítima, a promover o Sorteo Cultura Mariñeira da Amizade Luso-Galega. Temos como principal obxectivo transmitir que un aspecto destacado da cultura mariñeira é a amizade entre os pobos, o respeto e o coñecimento mutuos a través do mar e, em particular, dos pobos galego e portugués.


2. Libros a sortear

2.1. Sorteamos os seguintes libros en galego:
- «O Patrimonio Marítimo de Galicia», de Dionisio Pereira. Editora FGCMF Oferta da Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial. Exemplar con dedicatoria e asinatura do autor.
- «Lanchas e Dornas», de Staffan Mörling. Editora Xunta de Galicia. Oferta da Libraría Sisargas
- «A Odisea», de Homero. Editora Toxosoutos. Oferta da Libraría Sisargas.
- «O bote polbeiro de Bueu», de Fidel Simes . Editora Xunta de Galicia. Oferta do Grupo de Cultura Mariñeira da Asociación Cultural O Xeito.

2.2. Sorteamos os seguintes libros en portugués:
- «Cais e Navios de Lisboa», de Luís Miguel Correia. Oferta do Autor. Exemplar con dedicatoria e asinatura do autor.
- «História do Batel Vae com Deus», de Raúl Brandão, Editora Edieum. Oferta da Livraria Luso-Galáica «Orfeu».
- «A noite abre meus olhos», de José Tolentino Mendonça, Editora Orfeu. Oferta da Livraria Luso-Galáica «Orfeu».
- «A Campanha do Argus, de Alain Villiers. Oferta de Mar Adentro Ventosga.

3. Participantes

Integran o sorteo os administradores de blogues escritos em calquera das línguas oficiais dos pobos da Península Ibérica, que participen realizando comentarios nos blogues promotores. O dereito a un boleto para o sorteo adquírese pola participación en cada un dos blogues promotores, ata un máximo permitido de seis boletos. Aos agraciados seranlles remitidos os libros ao enderezo postal que indiquen. O espazo xeográfico no que se desenvolve a iniciativa é a Península Ibérica, sen prexuizo de valorarmos a posibilidade de ampliar o ámbito territorial do sorteo en función das solicitudes recibidas e do eventual aumento dos gastos de envio que esto implique.


4. Período de participación

O período de obtención de boletos de participación decorre desde a publicación do presente Regulamento en cada blogue promotor ata o 31 de Decembro de 2007 (inclusive), realizándose o sorteo na segunda semana de 2008 no local das librarías promotoras a través do sistema da «man inocente», garantizando os responsables da libraría e dos blogues promotores a correcta realización do mesmo.


5. Libros en Língua Portuguesa

Sortearanse os libros en Língua Portuguesa entre os blogueiros que teñan participado nos blogues galegos en: Libraría Luso-Galáica «Orfeu», de Joaquim Pinto da Silva, en Bruxelas. Rue du Taciturne, 43 Willem de Zwijgerstraat Bruxelles/Brussels 1000 Belgique/België. Tfno: +32(0)27350077. Bitácora: http://www.orfeu.net/

6. Libros en Língua Galega

Sortearanse os libros en Língua Galega entre os blogueiros que teñan participado nos blogues portugueses na: Libraría Sisargas, de Roberto Castro, en Rúa Curros Enriquez, 9 15002 A Coruña Galiza Tfno: +34(0)981200082. Correo Electrónico: libreriasisargas@gmail.com

7. Blogueiros promotores:

Sailor Girl, do Blogue «Atlântico Azul»
Luis Miguel Correia, do «Blogue dos Navios e do Mar»
João Veiga, do Blogue «Mar Adentro-Ventosga»
O Fartura, do Blogue «Singradura da Relinga»
Manuel, do Blogue «Homes de Pedra en Barcos de Pau»
Lino, do Blogue «Amigos da Dorna Meca».

8. Blogueiros adheridos:

Adquiren o estatuto de blogueiro adherido ao Sorteo CM da Amizade Galego-Portuguesa todos aqueles que nos seus blogues publiquen unha entrada co presente Regulamento e inclúan as ligazóns dos blogues promotores nas súas recomendacións, comunicándollo a Sailor Girl e a O’Fartura, o que lles confire o dereito á obtención de sete boletos suplementarios de participación no Sorteo.



Amigas e amigos, ata o 31 de decembro do 2007 administrar un blog e navegar participando activamente nos blogs promotores do Sorteo da dereito a premios!....Sen máis recibe un abrazo mariñeiro.
Le atentamente as bases e participa!